“A pesar da dimensión que ten o cultivo da pataca en Galicia e de ser un alimento básico da poboación galega, o seu estudo chamou pouco a atención no sector investigador da nosa comunidade autónoma”, explica Ana Seijo. Tendo en conta estas premisas e ante o feito de que “o consumo da pataca tanto en Galicia como no conxunto da Unión Europea descendeu considerablemente nos últimos anos”, na súa tese de doutoramento a investigadora da Universidade de Vigo Ana Seijo analizou o potencial de 30 variedades de patacas susceptibles de ser introducidas en Galicia e como mellorar a predición da enfermidade do mildio. “Buscamos solucións alternativas que aumenten a competitividade deste produto e do sector”, apunta a bióloga, que continúa investigando na actualidade sobre este tema.
A súa tese, titulada Caracterización de variedades de pataca e seguimento aerobiolóxico e fenolóxico para a predición de Phytophthora infestans (Mont.) de Bary, estivo dirixida por Olga Escuredo e María del Carmen Seijo e foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, onde traballa na actualidade no grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos. “Esta tese estuda distintos aspectos da pataca como cultivo agrícola co obxectivo principal de valorizar a súa produción en Galicia a través da caracterización de variedades de pataca susceptibles de ser introducidas, do estudo do comportamento fenolóxico de variedades de interese para Galicia e do desenvolvemento de sistemas de predición de Phytophthora infestans, patóxeno produtor do mildio, utilizando sensores aerobiolóxicos”, resume a xa doutora.