Un proxecto estatal analiza o impacto que teñen no solo os antibióticos de uso veterinario

Entre o 30 e o 80% dos antibióticos empregados en gandaría son excretados por ouriños e feces, acumulándose en esterco e xurros que ao ser aplicados no solo pasan ao medio natural cunha mobilidade que depende da capacidade de adsorción-desorción do terreo. Un proxecto de investigación estatal no que participan investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense estuda a presenza e dinámica de antibióticos en excretas de gando e en solos de cultivo, tendo como obxectivos últimos identificar áreas de alto risco de contaminación por antibióticos e valorar medidas para reducir a súa concentración e o seu paso á cadea alimentaria e ás augas. A pesar da capacidade de impacto desta contaminación e de que Galicia posúe unha importante actividade agrícola e gandeira, os investigadores sinalan que non existen estudos científicos en detalle sobre a presenza e dinámica de antibióticos en solos agrícolas e pasteiros galegos, motivo polo cal xorde este traballo.

O proxecto que desenvolven investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo leva por título Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no solo: mobilidade, degradación e efectos sobre os microorganismos. Financiado con 119.790 euros na convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade do ano 2015, está liderado polo profesor Manuel Arias e participan nel, entre outros, os investigadores e investigadoras desta área Juan Carlos Nóvoa, David Fernández, Cristina Pérez, Remigio Paradelo e Flora Alonso, completando o equipo Monstserrat Díaz, do CSIC. O estudo enmárcase nun proxecto máis amplo e coordinado no que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a coordinación de Esperanza Álvarez, participan encargándose no seu caso de estudar a adsorción-desorción destes antibióticos no solo, o seu transporte e as medidas de control utilizando bioadsorbentes.

Ler a nova completa no DUVI