Visita dunha delegación do Instituto Federal Goiano – Campus Rio Verde ao IAA
O pasado 19 de xuño, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) recibiu a visita dunha delegación de profesoras e profesores do Instituto Federal Goiano – Campus Rio Verde (Brasil), no marco dunha xornada de intercambio académico e institucional promovida pola Universidade de Vigo e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Durante a súa estancia no Campus Auga, a delegación coñeceu de primeira man as infraestruturas, os equipamentos e as capacidades científico-técnicas do IAA e do propio Campus.
A delegación foi recibida por David Fernández Calviño, en calidade de director do IAA; Sidonia Martínez Suárez, responsable da Planta Piloto de Industrias Alimentarias; e Patricia Gullón Estévez, coordinadora dos laboratorios, quen presentaron as principais instalacións e liñas de traballo do Instituto.
Ao longo da visita, o grupo percorreu os laboratorios do IAA, coñeceu os seus principais equipamentos científicos e visitou a Planta Piloto de Industrias Alimentarias, unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento de investigación aplicada, innovación e transferencia de coñecemento ao sector agroalimentario.
O encontro permitiu compartir experiencias e coñecer as capacidades científicas e tecnolóxicas de ambas as institucións, abrindo novas oportunidades de colaboración internacional no ámbito da investigación e da formación.
