O BV1 no Soils For Europe Conference

O investigador Andrés Rodríguez Seijo participou no Soils For Europe Conference, celebrado do 7 ao 11 de setembro en Coimbra (Portugal).

Organizado no marco do proxecto SOLO, o encontro reuniu arredor de 500 investigadores. As diferentes sesións abordaron avances e resultados de proxectos europeos relacionados coa saúde do solo.

Unha das actividades foi unha feira aberta ao público no Xardín Botánico de Coimbra, na que se presentaron máis de 40 proxectos. O BV1 estivo representado a través de InBestSoil, BIOservicES e AGROSUS, que achegaron á feira diferentes traballos e resultados das súas investigacións.

Andrés Rodríguez Seijo participou como convidado nunha mesa redonda do proxecto IMPACT, centrada en como potenciar a investigación e a innovación en materia de solos.

Ademais, participou na reunión presencial do Cluster de Contaminación do Solo da Comisión Europea, onde presentou os principais resultados de InBestSoil, proxecto que coordina e que está liderado desde a Facultade de Ciencias de Ourense.

O encontro permitiu compartir coñecemento e experiencias con investigadores e profesionais de diferentes países europeos, así como fortalecer a colaboración no ámbito da ciencia do solo.