BIOservicES: avanzamos no estudo da biodiversidade do solo e dos seus servizos ecosistémicos

Reunión anual do proxecto BIOservicES 2026

Dende o grupo BV1 coordinamos o paquete de traballo WP2 do proxecto europeo BIOservicES, dedicado á biodiversidade do solo e aos servizos ecosistémicos.

Do 29 de setembro ao 1 de outubro participamos na reunión anual do proxecto, celebrada en Zaragoza, onde compartimos resultados científicos e revisamos os avances das distintas liñas de traballo.

Os nosos investigadores Andrés Rodríguez Seijo e Virginia Sánchez Navarro participaron no encontro, no que se presentaron resultados das análises de distintos grupos de organismos do solo, desde microorganismos ata fauna edáfica, xunto con estudos sobre almacenamento de carbono, emisións e contaminantes.

Tamén se abordaron a valoración económica dos servizos ecosistémicos, a certificación do solo e o desenvolvemento de instrumentos financeiros e políticos relacionados coa súa conservación. O programa completouse con visitas a zonas experimentais mediterráneas para observar a influencia das prácticas de manexo nas paisaxes agrícolas, así como a unha área mineira restaurada e a unha almazara en Albalate del Arzobispo.

A reunión permitiunos facer balance dos avances acadados durante o terceiro ano de BIOservicES e abordar os seguintes pasos do proxecto, orientados a mellorar o coñecemento da biodiversidade do solo e incorporar este coñecemento á súa xestión sostible.