Xornada de lanzamento de SoilPATH

O grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) participou na reunión de lanzamento do proxecto europeo SoilPATH – SOIL Practices Assessment and Transition for Health, celebrada os días 22 e 23 de setembro en Gante (Bélxica).
Coordinado pola Universiteit Gent, SoilPATH desenvolverase durante cinco anos no marco de Horizon Europe. O proxecto analizará como as prácticas agrícolas, tanto individuais como combinadas, afectan á saúde do solo e ao rendemento das explotacións agrarias.
A nosa participación no proxecto céntrase no estudo do impacto das prácticas agrícolas individuais. Neste ámbito, a Universidade de Vigo lidera o Work Package 2 (WP2).
Na reunión participaron os IP da UVigo no proxecto, Antía Gómez Armesto e Daniel Arenas Lago, xunto con David Fernández Calviño, líder do WP2, e Manuel Conde Cid.
As dúas xornadas de traballo permitiron compartir enfoques e prioridades cos demais socios do consorcio e avanzar na definición das primeiras liñas de actuación do proxecto para os próximos cinco anos.
SoilPATH desenvolverá un modelo europeo harmonizado para avaliar o efecto das prácticas agrícolas sobre a saúde do solo e o rendemento das explotacións. Os resultados integraranse en ferramentas e recursos destinados a agricultores, asesores e responsables políticos.
🔗 Máis información sobre o proxecto: soilpath.eu
